Revista Latina de Comunicación Social
40 – abril de 2001
Edita: Laboratorio de Tecnologías de la Información y Nuevos Análisis de Comunicación Social
Depósito Legal: TF-135-98 / ISSN: 1138-5820
Año 4º – Director: Dr. José Manuel de Pablos Coello, catedrático de Periodismo
Facultad de Ciencias de la Información: Pirámide del Campus de Guajara - Universidad de La Laguna 38200 La Laguna (Tenerife, Canarias; España)
Teléfonos: (34) 922 31 72 31 / 41 - Fax: (34) 922 31 72 54
[marzo de 2001]
Desafíos para os medios en rede: aportacións á
interculturalidade
Dr. Xosé López García ©
Profesor de Periodismo da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela
Vivimos baixo a alongada sombra da comunicación ciberespacial. As redes telemáticas afectan cada día que pasa a mais
persoas no mundo. Vivimos na sociedade rede. E é unha rede, Internet, a que centra boa parte das expectativas de cambio
sobre as formas de comunicar no inicio do novo século. A actual sociedade, que conviñemos en chamar a sociedade da
información, avanza baixo o paraugas das transformacións que se producen no hipersector da comunicación. Os avances
tecnolóxicos aceleran as innovacións. O xornalismo electrónico xa é unha realidade e os proxectos que se anuncian con Internet
II abrirán novas expectativas para os medios que estean na rede ou aqueles que no futuro opten por esta vía. Falamos de
presente e de futuro porque os medios tradicionais redefinen o seu papel mentres os novos medios cobren outro espacio no
escenario mediático.
En calquera caso, hoxe hai un feito facilmente constatable: cada día son mais os cidadáns que acceden á rede de redes e cada
día son mais os medios que se atopan na rede. As estimacións apuntaban a que o número de usuarios roldaba os corenta
millóns no ano 1997 e que dentro duns dez anos o número estaría entre os mil e os dous mil millóns (Luís Ángel Fernández
Hermana, 1998). No 2000 tódolos datos apuntan a que xa estamos cerca dos douscentos millóns. A infraestructura dispoñible
permite que mais de seiscentos millóns de persoas accedan á rede. E os novos proxectos permitirán traspasar as vellas
fronteiras, con capacidade para moitos mais usuarios.
A rede xa pasou de ser un simple medio de comunicación a constituír un dos piares do hipersector industrial da sociedade
globalizada. Quizás por elo son moitos os ollos que miran cara a ela. E quizás por elo existen mais de dez mil medios en
Internet, dos que uns dous mil trescentos corresponden a xornais diarios (Bernardo Díaz Nosty, 1998). A pesar do difícil que
resulta determinar con exactitude o número de publicacións, as cifras citadas revelan a importancia deste fenómeno que é real
como a vida mesma (Manuel Castells, 1998).
As tecnoloxías actuais facilitan as cousas, anque non terminan cos problemas. Persisten as desigualdades económicas -non hai
infraestructura en tódolos países-, non tódolos cidadáns saben <navegar>, non garanten que tódolos cidadáns estean mellor
informados, non aseguran a calidade dos contidos -na rede entra o bo e o malo-,... Pero non podemos vivir á marxe da rede. É o
futuro, anque o futuro non sexa só Internet.
Os mozos nacen e viven coa e na rede. É certo. De aí que os medios queiran aproveita-las ferramentas actuais, queiran
aproveita- las posibilidades de negocio e queiran aproveita-las posibilidades para comunicar mellor. É dicir, os medios deben
estar na rede, porque a través da rede se difunden contidos e se fai realidade a interactividade. Pero tamén deben atender
outros ámbitos da súa actividade para intervir no diversificado panorama que presenta o hipersector da comunicación.
Os novos productos chegan ó mercado para ocupar un lugar no escenario mediático cambiante e competitivo. As novas
infraestructuras temos que aproveitalas. É o desafío das xeracións actuais. Só así avanzaremos con paso firme cara a unha
sociedade que dispoña de mellor información e saiba comunicar mellor. As tendencias apuntan a un aumento da
multimedialidade, a interactividade, os productos informativos personalizados e a instantaneidade das informacións (Javier Díaz
Noci, 1998). E non podemos navegar a contracorrente. Debemos aproveita-lo vento favorable para comunicar mellor con
iniciativas que supoñan avances reais.
Un deses pasos adiante que se anuncian para seguir avanzando na rede é o proxecto que se xesta co fin de converter a
Internet nunha rede de alta velocidade capaz de transportar sistemas avanzados de representación da información.
O certo é que, mentres se segue investigando sobre tecnoloxías actuais, estase entrando nunha fase de ruptura co pasado
recente. A banda ancha chegará ás casas en pouco tempo –cando menos, nas zonas urbanas dos países máis desenvoltos– e
Internet entrará con forza nos teléfonos móviles. O que parecía imposible hai seis anos hoxe é posible.
Todo parece indicar que un novo salto cualitativo pronto será realidade. Sen dúbida, suporá un paso mais na globalización, na
mundialización que se acelerou na década dos noventa. Despois do fin da guerra fría e dos últimos acordos do GATT (acordo
xeral sobre aranceis e comercio), os datos apuntan que, da man das tecnoloxías actuais e da desregulación, damos pasos
rápidos cara a un novo escenario mediático que descoñecemos na súa formulación final e do que hoxe só advertimos algunhas
características. Os medios de comunicación, os grandes grupos económicos e os grandes creadores souberon aproveita-las
novas posibilidades. E é previsible que sigan innovando.
Estas tendencias de futuro permiten asegurar que haberá formas adicionais, algunhas ata agora descoñecidas, de facer chega-la
información. E aí, nese novo escenario, deberán esta-los actuais medios -prensa, radio e televisión- e os grupos que queiran
participar no hipersector da comunicación. É dicir, non se trata de cuestiona-los actuais medios, senón de que estes redefinan o
seu papel no novo escenario, mentres os novos medios -os existentes e os que aparecerán- deberán buscar un novo lugar na
variada oferta que se albisca no horizonte.
Neste contexto, un dos retos actuais dos integrantes da industria de contidos reside na busca de novas formas para os
mensaxes en Internet, sobre todo pensando en renovadas posibilidades que ofrecerá Internet II. Esa busca deberá acometerse
no marco dun plan que promova a reflexión sobre las paradoxos dos novos medios (posibilidades de novos clientes/dificultades
para consegui-la súa fidelidade; segmentación de públicos/iconos globais; mundialización/revitalización do local; necesidade de
infraestructuras adecuadas/valor excepcional do talento, ...).
Pero o reto é innovar e buscar novas formas de contar historias, de permiti-la interactividade ó contalas con calidade mediante
novas ferramentas e en novos soportes. E nese novo escenario que todos esperamos terán que esta-los actuais medios e os
novos, porque o seu futuro tamén está ligado á innovación na rede. As transformacións que se producen no hipersector afectan
a tódolos medios, ós que están na rede e ós que no están.
Algunhas dúbidas
A sombra das transformacións que planea sobre o mundo da comunicación permite albiscar algunhas dúbidas sobre a
capacidade de tódolos actuais actores para gaña-los desafíos. Resulta evidente que os cambios na sociedade da información
son moi rápidos e los lentos corren el risco de quedarse descolocados. De aí que as empresa periodísticas tradicionais precisen
transformarse en novas empresas informativas da sociedade en rede. E poida que non todas teñan este obxectivo.
Este programa de transformación das empresas informativas deberá incorporar, ademais, unha nova cultura empresarial que
inclúa selección rigorosa de persoal, formación continua e potenciación do talento. É a opción mais viable para intervir con éxito
nun escenario marcado pola competitividade e un gran dinamismo.
O novo escenario no que intervirán, o escenario do presente e do futuro inmediato, é dixital. O futuro chámase información e
entretemento á carta, interactividade e multimedia. E as empresas precisan dispoñer de profesionais da comunicación capaces
de se adaptar ós cambios e desempeñar novos cometidos. Son os periodistas quen teñen que liderar o plan dirixido a prepara-los
contidos con novas ferramentas, en novos soportes, para novos destinatarios e mediante novas formas de conta-las
historias. E son os xornalistas porque seguirán mediando na comunicación interactiva e multimedia.
A nova era que comeza esixe unha actuación conxunta de empresarios, profesionais e destinatarios da información para
reflexionar sobre os novos tempos do hipersector da comunicación. É preciso, nesta nova fase, non só reinventa-lo xornalismo,
senón tamén redefini-lo propio papel dos medios e cambia-los usos sociais da información.
Afronta-los retos
O futuro, pois, chámase desafío. E os desafíos na nova era demandan imaxinación, novos linguaxes e mediadores profesionais
que realicen ben a selección preparación da información. O futuro é das empresas que entendan o seu novo papel; dos
profesionais que dominen as novas ferramentas, e dos cidadáns que aproveiten as novas vías para participar na sociedade da
información.
Con todo, o camiño presentase difícil e cheo de retos. E nese panorama con claroscuros hai unha vía de especial interese para
os pobos que quieran mante-la súa identidade: a aposta pola interculturalidade e pola mundialización da diversidade. Trátase de
eixos que hoxe deben presidir calquera política de comunicación dos países que aspiren a anticiparse ó que vai vir.
No novo escenario comunicativo, o do século XXI, non será posible concibir unha cultura propia sen estratexia de comunicación
para, deste xeito, tentar asegura-la supervivencia nunha sociedade mundializada. O motivo é moi claro: a cultura que
frecuentamos chega a nós por canles que non existían hai tan só unha década. Do mesmo xeito, témo-la certeza de que dentro
de dez anos o panorama terá volto a mudar con rapidez no marco destes procesos de renovación.
Quizá por iso é hora de actualiza-las políticas de comunicación de tal forma que contempen esa doble e simultánea tendencia
da comunicación actual ó global e ó local. Hai que afronta-los desafíos do futuro con intelixencia e con vontade de aproveita-las
novas ferramentas. Só así avanzaremos na construcción dun escenario mediático que teña en conta a diversidade cultural e a
pluralidade social. Só así entraremos na era multicanle desde a filosofía intercultural.
Bibliografía
ARMAÑANZAS, E./DIAZ NOCI, J./MESO, K.: El periodismo electrónico. Barcelona, Ariel Comunicación, 1998.
CASTELLS, M.: La era de la información. Economía , Sociedad y Cultura. Madrid, Alianza Editorial, 1997 (Vol 1 y 2).
CASTELLS, M.:La ciudad informacional. Tecnologías de la información, reestructuración económica y el proceso urbano-regional.
Madrid, Alianza Editorial, 1989.
DIAZ NOSTY, B.:Informe anual de la comunicación 1997/1998. Barcelona, Grupo Zeta, 1998.
FERNANDEZ COCA, A.: Producción y diseño gráfico para la World Wide Web. Barcelona, Paidós, 1998.
FERNANDEZ HERMANA,L.: En.red.ando. Barcelona, Ediciones B, 1998.
FRANQUET, R.: Comunicar en la sociedad de la información. Bilbao, Revista Zer, nº7, diciembre de 1999.
FUENTES i PUJOL, E.: La información en Internet. Barcelona, CIMS, 1997.
GINER, J.A./SUSAN, B.: Innovations in newspapers. The 1999 world report. Pamplona, Innovation, 1999.
GINER, J.A./SUSSMAN, B.: Innovaciones en periódicos. Informe mundial 2000. Pamplona, Innovation, 2000.
GUÉRIN, S.: La cyberpresse. La presse et l'ecrit off line, on line. París, Hermes, 1996.
LEDO ANDIÓN, M.: Televisión e interculturalidade en Bretaña, Galicia e País de Gales, Santiago de Compostela, Tórculo, 1998.
PRADO, E/FRANQUET, R.: Convergencia digital en el paraíso tecnológico: claroscuro de una revolución. Bilbao, Revista Zer,
nº4, mayo de 1998.
RAMONET, I.: Internet, el mundo que llega. Madrid, Alianza Editorial, 1998.
FORMA DE CITAR ESTE TRABAJO EN BIBLIOGRAFÍAS:
López García, Xosé (2001): Desafíos para os medios en rede: aportacións á interculturalidade. Revista Latina de
Comunicación Social, 40. Recuperado el x de xxxx de 200x de:
http://www.ull.es/publicaciones/latina/2001/latina40abr/100xoselopez.htm